Wednesday 08 de May de 2024

Daniel Pérez: “Non por ser esperado doe menos”


O PP votou en contra de todas as emendas aos Orzamentos presentadas polo BNG, confirmando o absoluto “pasotismo” do Goberno da Xunta cara a Costa da Morte

O PP “pasa” da Costa da Morte. Esta expresión popular resume o debate parlamentario sobre os Orzamentos da Xunta para o 2023, no que o partido que goberna na Xunta de Galiza amosou un desprezo absoluto ás necesidades desta gran comarca rexeitando unha tras outra todas as emendas presentadas polo BNG.

“Non por ser esperado doe menos”, manifestou o deputado nacionalista Daniel Pérez, quen insistiu en que a Costa da Morte precisa unha serie de investimentos “que deberían estar por riba das ideoloxías, porque se trata de cuestións estratéxicas das que depende o desenvolvemento da comarca”.

No BNG temos clarísimas as prioridades, e por iso presentamos unha serie de emendas encamiñadas a paliar unha proposta de Orzamentos na que a nosa comarca está ausente: a mellora da seguridade do porto de Malpica (1.000.000 €), o porto mixto de Corcubión (2.500.000 €), a ampliación do parque empresarial de Bértoa (3.500.000 €), a ampliación do investimento na circunvalación de Carballo en 5.000.000 €, a elaboración dun plan industrial para a Costa da Morte (5.000.000 €)… entre outras actuacións fundamentais.

Todas e cada unha desas propostas foron rexeitadas polo PP, que “pasa” tanto da Costa da Morte que nin sequera se molestou en intentar explicar as súas motivacións. Así se materializa o compromiso do PP coa comarca, e así se demostra o peso que ten o deputado popular no Parlamento de Galiza para defender investimentos vitais para a Costa da Morte.

Se este é o “impulso” que o Partido Popular quere para a nosa comarca seguirá atopándonos en fronte, porque no BNG si temos moi claras cales son as necesidades da Costa da Morte e dende logo nós non imos “pasar” delas.